Thursday 19 de September de 2024

Aberto o prazo de inscrición para os obradoiros de acollemento lingüístico


Ábrese o prazo de inscrición para dous obradoiros de acollemento lingüístico (nivel iniciación e nivel continuación) dirixidos a persoas doutras comunidades lingüísticas que se achegan por primeira vez ao galego (nivel iniciación) ou que xa realizaron unha primeira achega e que desexan continuar a súa formación en lingua galega (nivel continuación). Están organizados polo departamento de Lingua do Concello de Santiago.

A duración de cada un deles é de 36 horas distribuídas en dúas sesións á semana. A inscrición é gratuíta e está aberta ata o martes 10 de setembro. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, as persoas admitidas (25 en cada obradoiro) recibirán a confirmación no correo electrónico que indicaron na inscrición.

Que son os OAL?

Os obradoiros de acollemento lingüístico son cursos presenciais para achegarse por primeira vez á lingua e comezar a desenvolver as destrezas básicas de comprensión e produción oral e escrita.

Diríxense principalmente a persoas que procedan doutras comunidades lingüísticas, mais tamén están abertos a calquera persoa adulta que queira comezar a aprendizaxe do galego.

Convócanse en dúas quendas, primavera e outono, e teñen unha duración de 36 horas lectivas, distribuídas en sesións de unha hora e media cada unha e dous días por semana. As aulas desenvólvense no Espazo Apego (rúa da República do Salvador, 12 – entresollado). Na última sesión organízase algunha ruta ou visita pola cidade.

A inscrición é gratuíta e require unicamente cubrir o formulario asociado a cada quenda, que se pode atopar ao pé desta noticia ou na web delingua.santiagodecompostela.gal. As prazas asígnanse por orde de inscrición ata rematar as 25 dispoñibles en cada obradoiro. Unha vez rematado o prazo de inscrición confírmanse as prazas por correo electrónico.

CONVOCATORIA OUTONO 2024

Obradoiro de continuación (mañás)
Luns e mércores de 11 a 12.30 h
Datas: 16, 18, 23, 25 e 30 de setembro; 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30 de outubro; 4, 6, 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de novembro; 2 e 4 de decembro
Prazas: 25
Inscrición ata o 10 de setembro

Obradoiro de iniciación (tardes)
Luns e mércores de 20 a 21.30 h
Datas: 16, 18, 23, 25 e 30 de setembro; 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30 de outubro; 4, 6, 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de novembro; 2 e 4 de decembro
Prazas: 25
Inscrición ata o 10 de setembro